Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Alumnado de Primaria de Ferrol vólvese gardián do Camiño de Santiago cun reto tecnolóxico

Esta proba desenvolveuse no pavillón de Esteiro, onde o alumnado demostrou a súa creatividade e enxeño, ademais dos seus coñecementos en deseño e impresión 3D que, unha vez superado, convirteunos en gardiáns do Camiño.Para levar a termo os seus obxectivos, os participantes utilizaron unha das maiores innovacións da industria manufactureira, que tamén resulta atractivo para outros sectores como certos artistas: os bolígrafos 3D, neste caso con filamento PLA, que é ecolóxico e non tóxico.

Entre o Campus Industrial de Ferrol e o pavillón de Esteiro, preto de 250 estudantes de 5º e 6º de Primaria participaron onte na iniciativa “O Camiño de Santiago con Tecnoloxía”, que se enmarca no proxecto “Polos en Marcha”. Dentro desta proposta, o alumnado tivo que reconstruír a máxica Ponte das Estrelas, a través duns revolucionarios bolígrafos 3D, entre outras actividades como un obradoiro sobre materiais eco-adsorbentes.

Elena Arce, profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol –EPEF– lidera o proxecto “Polos Marcha”, que financia integramente a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología –Fecyt–, dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación. A coordinadora sinala a utilidade deste encontro, no que o estudantado puido “comprender mellor as fases dun proxecto tecnolóxico e a importancia de seguir as instrucións detalladas para acadar un obxectivo común”. Do mesmo xeito, os pequenos practicaron outras competencias como o traballo en equipo, a creatividade ou o pensamento crítico.

Os participantes na actividade aliáronse co Mestre do Bastón, un dos protectores do Camiño de Santiago, para tratar de reconstruír a Ponte das Estrelas, unha estructura que estaría localizada nun punto indeterminado da ruta ao seu paso pola comarca. Dentro do reto, este paso imaxinario desapareceu, impedindo que os peregrinos e peregrinas cruzasen o río para continuar o percorrido. Esta proba desenvolveuse no pavillón de Esteiro, onde o alumnado demostrou a súa creatividade e enxeño, ademais dos seus coñecementos en deseño e impresión 3D que, unha vez superado, convirteunos en gardiáns do Camiño.

Para levar a termo os seus obxectivos, os participantes utilizaron unha das maiores innovacións da industria manufactureira, que tamén resulta atractivo para outros sectores como certos artistas: os bolígrafos 3D, neste caso con filamento PLA, que é ecolóxico e non tóxico. Estes dispositivos, que ademais teñen a vantaxe da portabilidade, permiten crear obxectos tridimensionais mediante a elaboración dun debuxo no aire. Os centros de ensino que formaron parte son o CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira, o Colexio de Belén, o Cristo Rey e o Tirso de Molina.

Os nenos e nenas dividíronse en pequenos grupos para facer fronte aos desafíos. No caso dos estudantes de 6º curso, estes debían deseñar e construír un total de 28 pontes, que, individualmente, tiñan que soportar o peso dun boneco peregrino elaborado con impresión 3D. Da mesma maneira, o alumnado de tivo que realizar unha proba diferente: a montaxe dun crebacabezas con forma de cubo, tamén feito con esa mesma técnica de fabricación aditiva.

Máis actividades

A iniciativa “O Camiño de Santiago con Tecnoloxía” tamén incluíu o desenvolvemento dun obradoiro sobre materiais eco-adsorbentes, baseados en esferas de alxinato de calcio, no que os participantes realizaron unha serie de experimentos sinxelos para comprender como a química e a enxeñaría poden axudar a coidar o medio ambiente. Ademais, o programa tamén incluíu a visita a distintas instalacións de docencia e investigación do Campus Industrial de Ferrol, como a Canle de Ensaios Hidrodinámicos, situada no Citeni, ou o Laboratorio de Mecánica, no Edificio de Talleres, entre moitos outros.