Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

LETRAS ATLÁNTICAS | A dor abisal da perda

Literatura en #Nordesía: Armando Requeixo escribe sobre "O nadador no mar secreto", de William Kotzwinkle

Talvez haxa persoas que lean estas liñas ás que, ao amentarlles o nome de William Kotzwinkle, lles custe de primeiras situalo autorialmente. Pode que non lembren no momento que no seu día foi o gañador do prestixioso World Fantasy Award e o National Magazine Award pola súa novela “Doctor Rat”.

E se cadra tampouco lles vén á memoria o amplo labor desenvolvido como creador infantoxuvenil e de novelas de intriga e suspense. Pero se digo que é o responsable do guión de filmes tan coñecidos como “ET” ou “Pesadelo en Elm Street” seguramente consigan situar este narrador e guionista entre as voces máis importantes da escrita estadounidense dos últimos cincuenta anos.

Secasí, ata hai ben pouco non era posible ler en galego ningún dos seus títulos. Mais esa eiva acaba de ser reparada por Rinoceronte Editora, quen vén de publicar “O nadador no mar secreto”, a tradución que Moisés Barcia realizou desta novela curta nominada en 1975 aos premios Círculo de Críticos Literarios de Estados Unidos.

“O nadador no mar secreto” explora a dolorosa vivencia da perda dun fillo acabado de nacer, unha experiencia devastadora que o propio Kotzwinkle padeceu. Cunha honestidade e delicadeza pouco comúns, a narración profunda nesta intensa e lacerante realidade para transformala nun testemuño universal sobre o amor, a perda e a resiliencia.

A novela céntrase en Johnny Laski e a súa esposa Diane, que agardan o nacemento do primeiro fillo. Neste sentido, a historia refire o acontecido dende o comezo do parto ata o enterro do bebé, mais faino dende a óptica do pai, variando o tradicional punto de vista destes relatos, que adoito trataron tales episodios dende a óptica materna. Deste xeito, a voz de Johnny achega unha perspectiva nova e necesaria, amosando como o dó masculino acompaña o feminino en toda a súa complexidade e profundidade.

Kotzwinkle escribe con contención minimalista, mais incorporando aquí e alá fitas poéticas, de xeito que cada palabra semella escollida con coidado, cada frase destilada ata a esencia, permitindo que as emocións máis profundas afloren a través da suxestión e do silencio, convidando o lector a participar activamente na construción do significado. Esta depuración expresiva contrasta coa intensidade dos sentimentos, creando un efecto de contención que resulta máis poderoso que calquera declaración explícita.

A meu ver, un dos activos máis salientables deste “O nadador no mar secreto” é o xogo simbólico que o caracteriza, pois dende o propio título a realidade é codificada de xeito alegórico: o bebé como nadador no mar secreto do útero materno, unha metáfora que percorre toda a novela conectando vida, morte e o misterio da existencia.

Así pois, o mar, símbolo de orixe e destino, de vida e de morte, envolve a experiencia dos protagonistas e elévaa a unha dimensión case mítica, facendo dialogar esta proxección transcendente da novela cun tratamento digno e respectuoso da dor abisal pola perda, presentada como unha experiencia humana universal, o que favorece a identificación empática do lector, tan osmotizable que por veces cre sentir esa mesma desaparición dun fillo, comprendendo a traxedia dos soños e das expectativas que esfarelan por mor dunha paternidade definitivamente fanada.

Malia a súa brevidade, ou xustamente por iso, “O nadador no mar secreto” é unha xoia que combina mestría técnica na escrita, profundidade emocional na mensaxe e relevancia social no tema tratado, razóns que confirman a Kotzwinkle como un narrador de influencia perdurable, pois, medio século despois de se publicar esta historia, as cavilacións de Johnny Laski seguen palpitando coma o primeiro día, algo que han poder comprobar as persoas que se acheguen a esta tradución de Moises Barcia saída do prelo de Rinoceronte Editora.