LETRAS GALEGAS | Estratexias poéticas
Literatura en #Nordesía: Vicente Araguas escribe de "Véndoche un poema", de Fran Alonso

Levo anos explicando Poesía en Primaria. 4º, 5º e 6º, ao meu entender as mellores idades para tal mester. Sobre todo 4º, que se correspondería co meu ingreso en bacharelato (vaiche boa, Vilaboa). O primeiro reloxo, un “Cauny Prima”, onde iría parar?, e o comezo dunha xincana que habería prolongarse nas reválidas de 4º e 6º e o Preu.
Mais o conto é que aquela idade, entre os 9 e os 10 anos, é a que lembro con mente moi aberta e ningunha ou moi pouca malicia aínda. O que facilita, paréceme, a aprendizaxe poética. Logo despois virán outras maneiras, diferentes xeitos, esa rebeldía anovadora, tan precisa/ preciosa na adolescencia. Á que vai dirixido, entendo, o libro de Fran Alonso que teño diante miña, Véndoche un poema (Edicións Xerais, Vigo, 2025).
Alonso, enguedellado en tarefas editorais, tampouco é que se prodigue como escritor (como antólogo súa é a escolma Poetízate que nunca lle hei agradecer abondo) mais de cando en vez dá un pinchecarneiro, pincha, cara aos novos. Eses que deixaron atrás o ingreso, perdón, o 4º de Primaria, e apontan, máis que por haikus, romances, limericks, triadas/ soleares ou cousas así por argumentos “pop”, dixéramos, cal os que se deixan ver no último libro de Fran.
No que desmonta ou desartella a lingoaxe publicitaria, ás veces a partir dun poema de Rosalía de Castro (sic), deconstruído e volto a armar. Grande a Rosalía que escribira: “Agora cabelos negros/ máis tarde cabelos brancos/ agora dentes de prata/ mañán chavellos querbados…”, revisitada por Fran (lean/ lede o seu libro, fáganse/ facedevos o favor), á sombra dun anuncio dun suavizante das puntas de L´Oreal (os de “tú lo vales”, como se din decote diante do espello algúns poetis@s das novas fornadas; dous ou tres das vellas, tamén).
E como se pode supoñer este libro de Fran Alonso vén ilustradísimo. E nel está, outro supoñer, Cavafis, lido de “motu proprio” pola miña alumna de Poesía, Candela Vadillo, agora once anos, dez cando polemizaba comigo sobre se era Cavafis ou Kavafis. Eis o don poético cando se entraña. O que me leva ao Pessoa publicista, e algo di o Fran no seu prólogo, da Coca-Cola, cando inventara este eslogan para a recén chegada bebida carbonatada a Portugal: “Primeiro estranha-se, depois entranha-se”.
Algo así a Poesía, e boto man da publicidade, para o caso cerne e pretexto do libro, tan opíparo que hoxe me ocupa, lembrando aquela de Schweppes que dicía: “Aprenda a amar la tónica”. Digo o mesmo da Poesía, non con eses mestres pesados que non saben saír de Gloria Fuertes, mais dun poeta como Fran Alonso. Quen non mira de esguello diante de certa publicidade equívoca, comercial, e glosando, glosando, chama ás cousas polo seu nome. Así diante do reclamo político do “Chega” portugués a pedir limpeza. De que? Un libro que é todo un manual, el si, de pureza.